Para iso, coñecemos a Paco, que sendo época de Samaín, non podía ser outro, que un esquelete (feito con roliños de papel).
Recordamos os ósos que xa coñecíamos e, unha voluntaria a que lle encanta escribir, fixo etiquetas para que non se nos esqueceran e colocámolas no sitio correcto; foi un pouco difícil, porque só viamos a Paco por diante...menudo lío para poñer a da columna vertebral! (e como disfruta a profe vendo como debatimos e chegamos a un acordo).
A Guillem, o protagonista da nosa historia encántalle a música clásica (recordemos nas anteriores sesións que bailamos ao son de Vivaldi e Korsakov) e a Paco, o noso esquelete, gústalle o Rock and Roll. Que mellor música para mover a nosa pelve! Así que nos voltamos un chisco "toliñas e toliños" e coñecimos a música de Elvis...véndoo bailar xa sabemos porqué lle chamaban "Elvis the Pelvis"! Pero non só movemos a pelve, fixámonos nas partes do corpo que movemos, os ósos que lle corresponden e introducimos algúns máis: a tibia, o peroné, o cúbito, o radio, o esterno...etc...
Despois do baile, organizámonos nós sós en parellas. Só tiñamos 10 segundos para facelo! (traballamos a organización autónoma en un período de tempo determinado) Unha vez conseguido, observamos os ósos nas nosas parellas.
A profe tiña pensado outra cousa...pero como a nós o que nos gusta é bailar, pedímoslle outra canción de Elvis e se con ela podíamos xogar as cadeiras musicais, un clásico que nunca falla!
Chegamos ao acordo que xogaríamos pero obedecendo algunhas ordes: se a profe dicía unha parte do corpo, nós tiñamos que bailar só con ela e dicir en alto os ósos que correspondían. Pasámolo xenial!
-"Bailamos co brazo!!"
-"Úmero, cúbito e radioooo"
Ao rematar, que mellor que facer unha fila para marchar que montando unha conga. Ao mesmo tempo que repasamos as partes do corpo e os ósos que aprendemos durante a sesión, traballamos lateralidade, movemento, ritmo, organización e espazo ata o último momento!
Atentos e atentas á seguinte sesión! IMOS CONSEGUIR QUE PACO NOS FALE!